Monday 06 de May de 2024

A Pobra honra o Nazareno do día 15 ao 18 de setembro


O Nazareno poralle o broche de ouro á época festiva do verán na Pobra do Caramiñal. Declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2000, conxugará cultura e relixión cun amplo programa deseñado polo Concello e a comisión para o desfrute de tódolos públicos.

Para tal fin, a Administración local outorgoulle á entidade festiva unha subvención nominativa de 55 000 euros, tal e como expuxo o alcalde, José Carlos Vidal. Deste xeito, constátase o apoio no ámbito económico, ademais de loxístico, a uns festexos moi importantes tamén dende o punto de vista histórico. O rexedor explicou que a orixe da procesión das mortallas se remonta á época da Revolta Irmandiña e que o culto ao Nazareno se lle incorporou catrocentos anos despois, polo cal dende entón se reúnen dúas tradicións nun único evento.

En representación da comisión, asistiu José Antonio Cariño, quen quixo agradece-la colaboración, un ano máis, de toda a cidadanía, empresas e Concello para sacar adiante as distintas propostas que forman o cartel.

O xornalista Manuel Gago será o encargado do pregón que se ofrecerá no venres 15, ás 21.15 horas, dende o balcón da casa consistorial. A decisión responde, segundo precisou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, a que este acto inaugural teña ese cariz histórico que lle permita á veciñanza coñecer máis sobre o xerme do culto ao Nazareno. Ademais, nesa mañá, farán a entrada na vila o grupo de gaitas Xiada e a banda de música municipal de Redondela. De feito, esta última brindará dous concertos nos Xardíns de Valle-Inclán: o primeiro será ás 13.00 horas, mentres que o segundo está previsto para as 20.00 horas. Xa pola noite, a troula virá da man de Disco Móvil Chocolate e DJ Tito Maverick, ás 23.00 horas, na praza Alcalde Segundo Durán.

O sábado 16 será un día para desfrutar da música. Dende ben cedo haberá pasarrúas a cargo da Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas, a banda de gaitas de San Xoán de Paramos, o grupo de gaitas Xiada e O Son do Pote, que tamén farán unha despedida dende o consistorio ata O Castelo na última hora da tarde. A quenda dos concertos chegará polo medio da mañá e, pola tarde, nos Xardíns de Valle-Inclán coa banda de gaitas de San Xoán de Paramos e a Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas. E a noite estará amenizada polo X Encontro de Música e Baile Tradicional e a actuación da orquestra Verano Azul, na praza Alcalde Segundo Durán. A maiores, as rúas encheranse de cor dende A Covecha, coa Festa Holi Pobra, ás 17.30 horas, e coa posterior Festa da Escuma. É preciso inscribirse a través do formulario online https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfR7qhkhIhHV25iJdUX2SO7pfaJ4iNvFo_BP-SygkdR-duFhQ/viewform.

O evento máis agardado terá lugar no terceiro domingo de mes, día 17. A procesión votiva das mortallas sairá, ás 10.30 horas, da igrexa de Santiago do Deán, acompañada dunha multitude de fieis e coa participación, por agora, de arredor de cinco cadaleitos. Logo de rematada a comitiva, oficiarase a misa cantada no dito templo relixioso. Nesa mesma xornada tamén haberá oco para a música coa entrada na localidade da Banda de Música Ateneo Musical da Pobra, a banda de gaitas Buxaina, o grupo de danzas Virgen del Carrascal, o grupo de gaitas Xiada e O Son do Pote. Desenvolveranse tamén concertos e pasarrúas, mentres que a gran verbena estará protagonizada polas orquestras Ritmo Joven e Galilea, na praza Alcalde Segundo Durán.

O derradeiro día de festexos contará cos pasarrúas da banda de música municipal de Redondela, a banda de gaitas Os Chaneiros, o grupo de gaitas Xiada e O Son do Pote. Ademais, estas agrupacións levarán a súa melodía nesta data co formato de concertos en distintos espazos do centro. A orquestra El Combo Dominicano, na praza Alcalde Segundo Durán, e o grande espectáculo de fogos artificiais e acuáticos dende o paseo dos Areos servirán de colofón.

Na vertente relixiosa, cómpre indicar tamén que durante todo setembro se celebran numerosas cerimonias e a novena.